Escultura da Roma antiga

Augusto de Prima Porta, Museos Vaticanos.

A escultura da Roma antiga comprende a obra escultórica desenvolvida en toda a área de influencia do Imperio Romano, co foco central en Roma, entre o século VI a. C. e o século V. Orixinariamente derivou da escultura grega, principalmente a través da herdanza da escultura etrusca e, posteriormente, xa dun xeito directo durante o período helenístico, por contacto coas colonias da Magna Grecia e da mesma Grecia.

A tradición grega foi unha referencia constante ao longo da historia de Roma, pero contradicindo a crenza popular estendida que afirma que os romanos foron máis imitadores que creadores, sábese que non só foron quen de asimilar e desenvolver as súas fontes con mestría, senón que tamén contribuíron dun xeito orixinal nesta tradición. Isto é especialmente relevante na arte do retrato, xénero no que acadaron un gran prestixio e deixaron exemplos senlleiros dunha gran calidade técnica e expresiva. Tamén o fixeron no eido da escultura decorativa, presente nos grandes monumentos públicos, e que desenvolveu un estilo narrativo de moita forza e dun carácter tipicamente romano.[1][2][3]

Despois da consolidación do Imperio, outras influencias estranxeiras, maiormente orientais, determinaron un lento mais progresivo afastamento do canon grego en dirección a unha simplificación formal de tendencia abstracta, que estabeleceu as bases da arte bizantinapaleocristiá e medieval. Ese proceso, porén, foi entremediado por diversos períodos de rexurdimento clasicista, que alén de fortaleceren o elo simbólico co pasado foron útiles na mantenza da cohesión política e cultural do territorio romano. Nin mesmo a cristianización do imperio puido determinar a exclusión das referencias clásico-pagás da escultura romana, e no século V, cando a unidade política se crebou definitivamente, os modelos clásicos aínda continuaban sendo emulados, malia que adaptándose aos temas propios da nova orde social, política e relixiosa que se instauraba.[3][4]

O estudo da escultura romana é complexo para os investigadores, pois a súa evolución non se considera nin linear nin lóxica. A pesar das diverxencias entre os estudosos sobre moitos puntos, existe unha idea común sobre as características xerais de cada etapa, mais o xeito de como estas evolucionaron e como se transformaron dunha para outra é un proceso complexo que aínda está lonxe de ser ben comprendido. Existe unha duradeira inclinación cara ao historicismo e o eclecticismo, aínda máis pronunciada do que a que se observou na escultura helenística, xunto coa presenza de estilos ben diferenciados na escultura producida nun mesmo momento histórico para as diferentes clases sociais, e mesmo dentro dunha única clase, atendendo a necesidades de cada tema e situación.[5]

O hábito xeneralizado da copia de obras gregas máis antigas e a permanencia de alusións ao clasicismo grego ao longo de toda a súa historia, mesmo a través do cristianismo primitivo, mantivo vivas unha tradición e unha iconografía que doutro xeito poderían terse perdido. Boa parte do noso coñecemento da cultura e da arte da Grecia antiga transmitiuse desta forma, e maila escultura romana —xunto coa grega— tivo fundamental importancia na formulación da estética do Renacemento e do Neoclasicismo, testemuñando a súa vitalidade e significancia até tempos máis modernos, alén de estar considerada coma un dos corpos artísticos máis importantes da cultura occidental.[4]

  1. Barral i Altet, Xavier (1987). "El marco del arte romano". Historia Universal del Arte (en castelán) 2. Barcelona: Planeta. pp. 260–261. ISBN 84-320-8902-8. 
  2. Harris, William H.; Levey, Judith S., eds. (1975). "Etruscan Art". The New Columbia Encyclopedia (4ª ed.). Columbia University Press. ISBN 978-0231035729. 
  3. 3,0 3,1 Ashmole, Bernard. "Western Sculpture: Roman and Early Christian". Encyclopaedia Britannica. Consultado o 11 de agosto de 2008. 
  4. 4,0 4,1 Kousser, Rachel M. Hellenistic and Roman Ideal Sculpture. Oxford University Press, 2008. pp. 111-114
  5. Fullerton 1990, p. 190

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search